Saturday 27 de April de 2024

O Concello completa o plan de melloras previsto no parque infantil da Sardiñeira, que foi ampliado e incorporou novos xogos de carácter inclusivo


A instalación reabriuse esta semana tras concretarse a remodelación dunha superficie de 250 metros cadrados. Ademais, renovouse o firme de caucho e restauráronse os xogos xa existentes

O Concello da Coruña finalizou esta semana as obras de ampliación do parque infantil da Sardiñeira, unha intervención solicitada pola cidadanía nas convocatorias dos Orzamentos Participativos e que supuxo a remodelación completa desta infraestrutura, sobre unha superficie de 250 metros cadrados moi próxima ao Centro Cívico dos Mallos.

Anteriormente, no parque había dúas áreas de xogo, separadas entre si por unha pequena parcela que dificultaba o uso no conxunto do parque, ao ateigarse de auga nos días menos favorables de previsión meteorolóxica. Por iso, o Servizo municipal de Infraestruturas acometeu a unión das dúas áreas xa existentes, creando un novo formato rectangular que tamén facilitou a instalación de novos xogos.
As obras comezaron a mediados de decembro, na antesala do Nadal. En primeira instancia, estendeuse un novo pavimento de formigón armado con fibra de polipropileno, de 10 centímetros de espesor. Xa a posteriori, sobre esta base no terreo, dispúxose un novo firme de caucho sintético, en tonalidades azul e ocre, con diferentes espesores en función da localización dos xogos.

Neste sentido, o pasado xoves 7 certificouse a recepción da obra, un paso necesario e previo á reapertura do parque infantil, que xa o mesmo día volveu estar habilitado ao uso e gozo das crianzas.

Novos xogos e restauración dos xa existentes

Os novos xogos do parque infantil da Sardiñeira están situados no sector esquerdo do mesmo. A este respecto, o Goberno de Inés Rey incorporou un novo bambán-cesto múltiple, inclusivo, e unha nova estrutura multixogo formato atomium para gabear con cordas, ideada para nenas e nenos de entre 5 e 12 anos.

Xa no sector dereito do parque recolocáronse os antigos xogos existentes, tras completarse os traballos necesarios para a súa restauración. Neste sentido, a intervención implicou, a grandes rasgos, a recuperación e tratado dos materiais da antiga torre multiaventura, os bambáns, balancíns, minicarruseis e resortes.